martes, 23 de agosto de 2011

AMANCIO PRADA «O Lorca galego é fondo e enxebre ao mesmo tempo»

AMANCIO PRADA «O Lorca galego é fondo e enxebre ao mesmo tempo»

jómez gómezhttp://www.blogger.com/img/blank.gif
santiago / la voz
21/8/2011
http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2011/08/21/0003_201108S21C6995.htm


O 25 de xullo Amancio Prada interpretou por última vez en Compostela un dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca: ese día foi a vez da Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta, en Bonaval, perante a tumba da poeta. Tamén visitou a exposición sobre ese produto literario e sobre o escritor andaluz no instituto Rosalía.

-¿De cando lle interesan esas composicións?

-De hai moito tempo. Xa en 1985, no meu disco Dulce vino de olvido, incorporei unha versión da Danza da lua en Santiago. A interpretación deste 25 de xullo en Bonaval era obrigada: ¿que outro lugar pode ser mellor para interpretar ese poema dedicado a Rosalía de Castro?

- ¿Ten musicalizados os seis?

-Si, a Danza da lua foi o primeiro, e os outros cinco foron un traballo de hai dous veráns. Saíron case sen querer, con naturalidade, foi como cando fixen as Cantigas de Cunqueiro, que foron case en estado de graza. Outras veces non é así: por exemplo aos Sonetos del amor oscuro de Lorca tiven que lles dar moitas voltas.

-¿E que lle parece o resultado dese traballo de pór música aos poemas galegos lorquianos?

-Era un proxecto que tiña en mente había moitos anos. Eses poemas son un milagre: o Lorca galego é fondo e enxebre ao mesmo tempo. Impresiona como un poeta andaluz captou a alma galega referindo espazos, autores e fenómenos tan diversos, mesmo o da emigración, tamén presente neses poemas.

-¿Como explica que existan?

-Son cousas que teñen os xenios. E fixo outro tanto con Nova Iorque ou con Cuba.

-¿Pensa editar en disco eses poemas, ou algún outro proxecto?

-Fun estreando esas canzóns en público. E a miña idea é poder facer un espectáculo con eses seis poemas, e con outros de tradición popular galega que teñan relación con eles. Tamén traballo coa editora Galaxia na edición dun libro-disco. Esa gravación quero que sexa moi coidada e confío que saia para o ano próximo, a ver se acompaña a sorte.

-¿Como reaxe o público perante esas composicións?

-Aínda hai pouco interpretei un destes poemas nun recital dedicado a Lorca, en Seattle. E na Habana, Granada, Chile, e outros lugares. Coa «Romaxe de Nosa Señora da Barca» teño experiencia de público alemán que descoñecía o galego e o castelán, e que se sumaba a cantar. Eses poemas son un gran obsequio para Galicia do poeta máis coñecido de España no estranxeiro; son seis xoias.

-¿Que lle pareceu a exposición do instituto Rosalía?

-Moi valiosa, vin nela moitas cousas de interese.

No hay comentarios:

Publicar un comentario